| A Noite da Lúa Meiga nace a partir da iniciativa dos membros da Agrupación Folclórica Terra Meiga do Viso, no ano 2001. A inquedanza deste colectivo pola música e cultura tradicional foi a semente da que medrou esta apaixonante aventura. Pouco a pouco foron moitos os que se uniron a este proxecto, e hoxe en día son numerosas as colaboracións dende diversos colectivos, entre eles o Concello de Redondela. O punto de unión foron sempre as inquedanzas por divulgar a música tradicional e folk galega, tentando que a esencia da cultura tradicional retorne á vida e ás celebracións cotiás. |
Presentación ós medios da V Edición |
||||||
|
A primeira edición celebrouse no torreiro de festas da Teixeira, acompañándonos o xa desaparecido grupo VIOLIA. Na segunda edición deuse paso a unha maior oferta de actividades, con xogos populares e a actuación dos coñecidos CARUNCHOS e XISTRA DE CORUXO . Público asistente ó festival Coa terceira edición, pensouse para a celebración do festival o lugar coñecido como Monte Outeiro Grande, no miradoiro xunto a baliza do aeroporto. Neste novo emprazamento, o contacto coa natureza e as vistas da Ría de Vigo supuxeron un valor engadido para os visitantes, quen se achegaron para pasar unha agradable xornada festiva. Continuouse cos xogos populares, e a artesanía foi a grande novidade desta edición, cunha mostra en vivo de escultura en terracota. A música tradicional ampliou a súa oferta coa actuación de diversas agrupacións folclóricas, chegando ó seu cumio coa actuación de CARUNCHOS e QUEMPALLOU.
No 2005 seguiuse coa aposta pola música máis tradicional configurando un programa variado onde se ofertaron actuacións de pandereteiras, danza e gaiteiros. A artesanía seguiu presente a través da primeira Feira de Artesanía do Viso e os xogos populares constituíron unha parte importante das actividades do serán. Pola noitiña contouse coa presenza de artistas pioneiros en Galicia como XISTRA DE CORUXO, LINHO DO CUCO e XOCHILMICA. O toque de graza deuno o actor Carlos Blanco, aposta artística moi ben recoñecida polos veciños da nosa parroquia.
O 2006 o festival pasou a celebrarse en dous días. O sábado 26 contouse coa maxistral actuación de TINO BAZ, TANXEDORAS DO PANDEIRO, DANI BELLÓN E DIEGO MACEIRAS e SERRALHE-AI!!. O domingo 27 contouse coa actuación de diversos grupos de gaiteiros, pandereteiras e agrupacións folclóricas, ademáis dos xa tradicionais xogos populares para os rapaces. Todo un éxito. No 2007 o festival padeceu as inclemencias do tempo, téndose que cancelar parte das actividades. A pesar de todo o sábado 25 organizouse unha festa improvisada no Centro Cultural do Viso que durou ata ben avanzada a noite. Desta sesión musical participaron moitos dos músicos que ían actuar esa noite, así como moitos artistas que se atopaban entre o público. As gaitas e a música tradicional fixeron que esta edición se lembrase non só pola tormenta que aguou a festival, senón como polo espíritu da Noite da Lúa Meiga que está presente en moitos dos asistentes a esta festa.
|
|||||||